As universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo convocan a II edición da Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Docente, que busca ser un punto de encontro para a xeración e difusión de ideas que permitan o avance da innovación no ámbito universitario.
A sociedade cambia a gran velocidade e a universidade non pode ficar illada nunha burbulla, afastada deses novos tempos. As mudanzas tecnolóxicas son as máis evidentes, mais a transformación da sociedade tamén é formidable. As características dos nosos usuarios, os estudantes, pouco teñen que ver coas de anos atrás. A aparición do que xa é o mercado da educación superior e da formación continua formula retos vitais para as universidades públicas, e obríganos a posicionarnos e reinventarnos para seguir sendo a mellor alternativa educativa á oferta formativa privada e a das grandes corporacións.
En canto ao cambio tecnolóxico, e aínda que temos difícil competir coas megacorporacións que comezan a ofertar formación, as universidades temos que adaptarnos e aproveitar das súas vantaxes, temos que incorporar novidades como a intelixencia artificial, pero de xeito crítico e construtivo. Pero sen dúbida, as nosas mellores bazas para ser unha alternativa educativa é a oferta dos nosos estudos, cuxa calidade debe ser revisada e mellorada de xeito continuo, así como a adaptación aos nosos usuarios e usuarias.
Toda a sociedade, pero se cadra, aínda máis a mocidade, da que forma parte o noso estudantado, está sometido a un bombardeo constante de estímulos comunicativos. Manter a súa atención é un reto formidable. O profesorado quéixase de que os estudantes están nas aulas parapetados detrás dos portátiles, sen interactuaren nin co profesorado nin entre eles/elas, sen motivación. E tamén se queixa de que o rendemento académico baixa. Isto é un problema non só dos estudantes, senón que afecta aos profesores e profesoras e á súa práctica docente. E tamén é un problema das universidades, un problema social.
Nestas circunstancias, debemos buscar solucións. Ou as universidades innovamos na nosa forma de dar aulas ou o alumnado, no mellor dos casos, pasa pola universidade, pero non a universidade polo estudantado. No peor, aumentará o abandono e o fracaso académico.
Non se trata de innovar por ser moderno ou por ser un/unha docente fedello. Trátase de innovar para mellorar: mellorar como docente e mellorar a experiencia de aprendizaxe do alumnado. Mais a innovación non pode ficar reducida a un compromiso persoal, individual, dun profesor ou profesora; debe servir para mellorar a universidade e o ensino superior no seu conxunto. Polo tanto a innovación educativa tamén debe constituírse nun verdadeiro compromiso institucional e político.
Mellorar dende a avaliación continua dos resultados da aprendizaxe, dos nosos plans de estudo, dos incentivos ao profesorado. Mellorar introducindo novas tecnoloxías, como intelixencia artificial para ofrecer atención personalizada aos estudantes, segundo as súas características e evolución. Mellorar renovando as metodoloxías didácticas, para facer as aulas máis activas e atractivas para o alumnado. Mellorar introducindo novos materiais e recursos que faciliten a comprensión e fixación dos contidos máis básicos e importantes, sen esquecer estimular unha aprendizaxe máis activa e participativa, que os faga non só receptores senón tamén construtores do seu coñecemento. Mellorar introducindo na docencia novas perspectivas en consonancia coas inquedanzas sociais.
Diso vai a segunda edición destas xornadas, a da consolidación: de innovar para mellorar.
Javier Ferreira Fernández
Xerente. Universidade de Santiago de Compostela
A xornada presencial terá lugar o 14 de novembro de 2024 na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC. Pode asistir calquera persoa interesada na innovación docente universitaria, pero cómpre inscribirse.
O persoal docente e investigador das tres universidades ten a opción, novamente, de participar tamén na modalidade de póster virtual. É dicir, pode participar nas dúas modalidades ou elixir só unha delas.