As liñas temáticas dos pósteres poden ser calquera das establecidas para esta xornada, que son as seguintes:
- Liña 1. Mellora dos procesos de ensino-aprendizaxe
Inclúe a implantación de metodoloxías activas, o uso e aplicación de recursos tecnolóxicos para a mellora da aprendizaxe, as melloras na titorización e na atención ao estudantado e a mellora de procesos e instrumentos de avaliación da aprendizaxe, entre outros.
- Liña 2. Estratexias institucionais de innovación docente
Acubilla un amplo abano de experiencias. Inclúe desde a mellora das titulacións en xeral, a formación en competencias tranversais nunha titulación, a colaboración docente entre materias dentro dunha mesma titulación ou de diferentes titulacións, coordinación entre programas formativos universitarios e de bacharelato, divulgación e transferencia de coñecemento á sociedade e fomento da internacionalización das titulacións, ata a formación en aberto coma os MOOC ou similares.
- Liña 3. Diversidade, igualdade e responsabilidade social e ambiental
Inclúe as experiencias de concienciación social ou ambiental, as iniciativas de fomento da sustentabilidade e o fomento da igualdade de xénero, da inclusión ou da diversidade no marco de materias ou titulacións.